O DOG publicou este venres a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración Xeral da Xunta e das entidades instrumentais do sector público autonómico para este ano 2023 que ascende a 1.102 prazas, das que 606 son de acceso libre.
A OEP de 2023 tamén inclúe 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario de carreira e outras nove para promoción interna nos entes instrumentais; e 187 postos para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UXT.
Esta oferta de prazas ten a finalidade de garantir a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un posto de traballo de alta calidade na Xunta de Galicia; que os empregados públicos que xa traballan na Administración galega con carácter temporal poidan consolidar os seus postos de traballo; garantir o dereito á promoción profesional dos empregados públicos; e continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo.