Publicada a resolución das axudas de Galeuropa para o fomento da empregabilidade da xente nova

1 minutes read

Diario Oficial de Galicia publicou este luns a resolución das axudas do programa Galeuropa, que permite a realización de prácticas formativas nun país de Europa a mozos e mozas de 18 e 29 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX). Esta iniciativa permite a súa adquisición de novas competencias, experiencia e fomento da empregabilidade e conta cun investimento de 550.000€, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80%.

A través da súa posta en marcha finánciase unha estadía de prácticas de, como mínimo, dous meses, nun país da Unión Europea, na empresa escollida por cada beneficiario. Para isto, o Goberno galego achegará ata 1600€ ao mes a cada participante para os seus gastos cotiás, ademais dunha axuda para competencias lingüísticas antes e durante a estadía. Cómpre destacar que as contías das subvencións varían en función do país de destino e duración da estancia.

Con esta iniciativa, que volve despois da pandemia, a Xunta de Galicia impulsa as posibilidades de inserción laboral da xente nova. Neste sentido, os participantes adquirirán e mellorarán habilidades, tanto as relacionadas co sector das prácticas como as transversais, grazas á súa estadía no estranxeiro e á convivencia coa cultura do seu país de acollida. O programa, ademais, dá prioridade a colectivos con especiais dificultades como o das vítimas de violencia de xénero, o das persoas con discapacidade ou o das persoas en risco de exclusión social.