Publicada no DOG a aprobación do proxecto peonil e ciclista na Telva, en Cambre e Culleredo


A actuación deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta consiste na execución dunha senda, que se desenvolve entre os puntos quilométricos 1,8 e 2,3 da AC-213, de modo que se complementen dous itinerarios diferentes.

En concreto, o primeiro itinerario será peonil e correspóndese co tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa estrada provincial DP-1702.

O outro itinerario, que parte tamén do Burgo, discorre en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550. Neste tramo do Burgo á Telva, con alta afluencia de ciclistas, a actuación proxectada prevé dotar a senda dun carril bici de solo estabilizado, dando así continuidade a ese itinerario.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros de anchura, con carril bici naquelas zonas que dan continuidade ao itinerario ciclista.

A Xunta prevé a convocatoria de levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano, coa previsión de poder licitar as obras a finais de 2021 ou principios de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses.