A Xunta vén de publicar unha guía para facilitar a posta en marcha de centros de servizos sociais en Galicia. O documento, redactado por técnicos da Consellería de Política Social, consta de 60 páxinas e recolle toda a información necesaria para crear novos equipamentos destinados a prestar dun xeito estable e continuado servizos, programas e actividades de servizos sociais nas distintas áreas.
A publicación inclúe aspectos clave que van desde os trámites necesarios para a posta en marcha dun centro de servizos sociais ata as obrigas e requisitos das entidades e dos centros de servizos sociais, así como información sobre a solicitude que hai que presentar para que o proxecto poida ser declarado iniciativa empresarial prioritaria (IEP), a súa inscrición no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais (RUEPSS) e as autorizacións correspondentes, a tramitación municipal esixida, a formación do persoal, e outros procedementos relacionados coas actividades dos centros de servizos sociais.