Publicadas as axudas para repoñer as explotacións danadas polos incendios

A Consellería do Medio Rural destina un total de 4 millóns de euros ás axudas de apoio para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos incendios deste mes de xullo. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres, coa publicación da correspondente orde coas bases e a convocatoria, que forma parte do paquete de 9 millóns de euros anunciado esta semana no Consello da Xunta para facilitar a reparación dos danos orixinados polos lumes.

No caso das explotacións forestais, subvencionarase -por un lado- a reposición das infraestruturas privadas situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios e -polo outro- a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial xunto aos traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública nas zonas afectadas polos lumes. No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

O orzamento total para estas axudas será de 4 millóns de euros, 2 millóns para as explotacións forestais e outros 2 millóns para as agrícolas e gandeiras. No relativo ás primeiras, destinaranse 750.000 euros neste ano 2022 e 1.250.000 euros no 2023, mentres que no das segundas o presuposto será de 1.500.000 euros neste ano e 500.000 euros no 2023.

As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que están fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes oscilan entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes).

O prazo para a presentación de solicitudes será de dun mes contado a partir deste 30 de xullo. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha