A Xunta de Goberno Local de Camariñas acordou aprobar as bases do XXVII Concurso de Noveis Deseñadores de Moda, que terá lugar na celebración da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas entre os días 8 e 12 de abril de 2020.
O obxectivo primeiro do concurso é fomentar e promocionar a aplicación do encaixe na Moda. Poden concorrer a esta convocatoria todos os noveis deseñadores con independencia da súa nacionalidade ou país de residencia, sempre e cando: Sexan alumnos ou alumnas que estean cursando estudios en centros, escolas e academias que impartan ensinanzas de deseño e técnicas de confección, teñan ou non, rematados os seus estudos; sexan persoas vencelladas ao mundo do deseño, sempre e cando non formen parte do equipo de deseño dalgunha empresa do sector.
Cada aspirante presentará unha colección composta por catro deseños. O tema e a modalidade á que poden optar é libre, tanto para moda masculina como feminina, con tódalas súas variantes, quedando excluídos os deseños de moda infantil. A memoria poderá estar impresa en formato DIN A ou A4, na portada deberá figurar obrigatoriamente o título da colección. O nome do autor ou autora non deberá figurar en ningunha parte da memoria.
O prazo de entrega de documentación finaliza o 2 de decembro de 2019. Presentarase na Casa do Concello de Camariñas (Praza de Insuela, nº 57, 15123) en horas de oficina, de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Toda a información está a disposición das persoas interesadas no BOP con data 16 de agosto de 2019.