As familias que solicitaron praza para o vindeiro curso 2023-2024 nas máis de 170 escolas infantís públicas autonómicas poden consultar as listaxes provisionais de admitidos na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.
A partir do vindeiro luns 8 de maio e ata o venres 12 abrirase un período para presentar alegacións. As listaxes definitivas daranse a coñecer o día 31 deste mesmo mes, unha vez feito o cribado de solicitudes dun mesmo neno para varias escolas.
Unha vez publicada a relación de admitidos, as familias terán de prazo do 1 ao 14 de xuño para formalizar a matrícula dos seus fillos. O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Xunta de Galicia está fixado para o día 5 de setembro.
No curso 2023-2024 a atención educativa será de novo gratuíta para o 100 % do alumnado en todas as escolas infantís de Galicia durante oito horas ao día e once meses ao ano, tanto nas que forman parte da rede pública autonómica da Xunta como nas que dependen dos Concellos, nas de iniciativa social e nas privadas.