Publicadas no DOG as medidas anticovid que afectan a 6 concellos de Bergantiños

2 minutes read

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o decreto da Presidencia da Xunta de Galicia polo que se establecen novas medidas de prevención da COVID-19 no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

Que establece o decreto?

Que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes. Podes lelo aquí: https://www.xunta.gal/…/2482/AnuncioC3B0-131120-1_gl.html

Que outras medidas se establecen?

As mesmas que están vixentes xa noutros concellos galegos, como Vimianzo, ou agrupacións de concellos, como os da área da Coruña. Podes consultalas aquí: https://www.xunta.gal/…/2476/AnuncioC3K1-041120-2_gl.html

Por que se toman estas medidas?

O decreto alude ao incremento da taxa de incidencia global dos últimos días nesta zona. «Tres dos concellos da comarca amosan taxas superiores aos 1.000 casos por cada cen mil habitantes: Cabana de Bergantiños, Laxe e Malpica de Bergantiños; e, por número de casos acumulados nos últimos 14 días e unha notificación diaria de casos, destaca tamén o concello de Carballo», explica. Os indicadores amosan «valores de alto risco» e destácase, así mesmo, «o feito de que o grupo en que se recollen as taxas máis altas é o de xente nova, en que a infección pode ser asintomática ou pauciasintomática, favorecendo deste xeito a transmisión».

Que mobilidade se permite?

Os veciños e veciñas dos seis concellos poderán manter a mobilidade exclusivamente dentro do perímetro establecido, é dicir, entre os seis concellos. As excepcións podes consultalas aquí: https://www.xunta.gal/…/2476/AnuncioC3B0-041120-1_gl.html

Cando entran en vigor as medidas?

O decreto terá efectos desde as 00.00 horas do 14 de novembro de 2020, é dicir, as medidas están en vigor dende a medianoite do pasado venres ao sábado.