O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba este luns o proxecto de trazado da senda peonil segura que conectará Corme Aldea con Corme Porto. Agora, os servizos técnicos da Consellería están a traballar na supervisión do proxecto construtivo para poder licitar as obras este mesmo ano.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, visitou o pasado sábado este tramo da AC-424, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e da directora da Axencia de Infraestruturas, María Deza.
Martínez Allegue destacou que a nova senda entre Corme Aldea e Corme Porto permitirá seguir avanzando na mellora da seguridade viaria e favorecerá desprazamentos máis seguros para os veciños de Ponteceso, e lembrou que a actuación responde a unha demanda trasladada polo Concello e permitirá mellorar a conexión entre Corme Aldea e Corme Porto, “onde se concentran boa parte dos servizos”.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu expresamente a Martínez Allegue, e a Deza a súa disposición para facer realidade unha actuación “moi demandada pola veciñanza”. De feito, lembrou que a Xunta xa executou unha senda peonil de 600 metros na AC-424 no Couto, froito dun convenio tamén co Concello, e outra senda en Pazos, ambas xa rematadas.
“O noso compromiso con Corme e con Corme aldea é total e de feito anunciaremos, nos vindeiros días, outros proxectos nestas mesmas zonas que demandaron os veciños”, apuntou.
O goberno local continúa, desde xeito, apostando pola creación de sendas nas parroquias que permitan aos veciños desprazarse a pé con maior seguridade, reducindo a necesidade de utilizar o vehículo para os traxectos cotiáns.
TRAZADO
A senda peonil entre Corme Aldea e Corme Porto conectarase mediante un tramo acondicionado xunto á estrada autonómica AC-424. A actuación, situada entre os puntos quilométricos 6+665 e 7+356 da estrada autonómica, pola súa marxe esquerda, contempla a construción dunha senda de 685 metros de lonxitude, cun investimento aproximado de 565.000 euros. O itinerario terá algo máis de dous metros de ancho, un acabado en cor terra e un arcén de medio metro ao longo de todo o percorrido. O proxecto tamén contempla a construción dun muro de contención de formigón armado nas proximidades do punto quilométrico 7+120.
O obxectivo da Xunta é que os traballos poidan comezar o vindeiro ano e que a nova senda, cunha lonxitude aproximada de 700 metros, poida estar executada nun prazo estimado de nove meses.
