Publicado o cambio a prol de Ames da avenida da Peregrina de Bertamiráns

1 minutes read

Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Ames da avenida da Peregrina, que é o treito inicial da estrada AC-544 en Bertamiráns.

Esta transferencia enmárcase no convenio de colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co Concello de Ames para acondicionar este tramo de vía, cun investimento autonómico de case 82.000 euros.

Este treito de vía autonómica, que discorre polo núcleo urbano de Bertamiráns, é coñecido como a avenida da Peregrina e atópase plenamente integrado na malla urbana, polo que o convenio recolle a asunción da titularidade por parte do Concello.

O obxectivo é a mellora do tramo da estrada AC-544 que vai desde a intersección coa avenida da Maía ata o punto quilométrico 0+610, sumando unha lonxitude de 610 metros.

En canto ás actuacións establecidas no convenio, a Xunta asumirá o seu financiamento íntegro e o Concello redactará o proxecto, licitará as obras e tamén as executará.

As actuacións propostas inclúen o fresado de toda a superficie do tramo da vía para nivelar a súa rasante, así como a reposición da capa de rodadura nos dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento, con mestura bituminosa en quente.

Tamén se renovará a sinalización horizontal, reporanse as liñas existentes e pintaranse vaos, zonas de carga/descarga, prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?