Publicado o cambio de titularidade a prol do Concello de Cabana de dous treitos da AC-429


O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cabana de Bergantiños de dous treitos antigos da estrada autonómica AC-429, que comunica Ponteceso e Laxe.

O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade de dous treitos desta antiga estrada que atravesan o municipio, situados na marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 2,7 e 2,9 e os puntos 6,8 e 7.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña, formula a proposta favorable de transferencia dos citados tramos antigos da AC-429: o primeiro, duns 156 metros de lonxitude, e o segundo, duns 103 metros, en ambos os dous casos sen funcionalidade dentro da rede de estradas autonómicas.

A transferencia a prol do Concello de Cabana de Bergantiños tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

O cambio de titularidade xa se fixo efectivo. A partir da entrega, correspóndenlle ao Concello de Cabana de Bergantiños todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria.