Publicado o cambio de titularidade da estrada AC-132 a prol do concello de Mugardos

1 minutes read

O Concello de Mugardos solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas o cambio de titularidade da estrada autonómica AC-132 na súa totalidade como paso previo para modificar o ancho das beirarrúas e dotar de accesibilidade o tránsito dos peóns. O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar esta transferencia.
A estrada AC-132 é unha vía convencional, cunha lonxitude de 2,19 km, que está categorizada funcionalmente como local polo Catálogo da Rede Autonómica de Estradas de Galicia.
A vía discorre na súa totalidade polo concello de Mugardos e atravesa solos clasificados como urbanos polo instrumento de planeamento urbanístico vixente.
Vistos os informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas, esta formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada AC-132 na súa totalidade.
A transferencia a prol do Concello de Mugardos implica que este terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.