Publicado o decreto para a construción da vía de acceso ao Hospital Montecelo, en Pontevedra

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia, (DOG), ven de publicar o decreto polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de construción da nova vía que dará servizo ao Hospital Público Gran Montecelo, no concello de Pontevedra. A execución da vía enmárcase no convenio entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Pontevedra para a ampliación do complexo hospitalario, que establece que a Administración local financiará as obras, cun orzamento de case 1,4 millóns de euros e a Xunta asumirá o custo das expropiacións, cun importe de preto de 386.000 euros. O Goberno galego prevé realizar neste outono a convocatoria para o levantamento de actas de previas e de ocupación. Pola súa banda, o Concello de Pontevedra asumirá a licitación e a execución das obras.

Características técnicas

O obxectivo da nova vía, de 830 metros de lonxitude, é dar servizo e circunvalar o hospital Gran Montecelo. A vía terá inicio e final na actual avenida de Montecelo que dá acceso ao hospital e contará con catro glorietas, unha ao comezo, outra ao final e dúas intermedias. A estrada proxéctase como unha vía de calzada única con dous carrís, un por sentido de 3,30 metros de anchura cada un, e beirarrúas a ambos os dous lados. O proxecto prevé a limitación da velocidade do percorrido a 30 km/ hora, con pasos de peóns elevados.