O Portal de Transparencia e goberno aberto, publicou o Decreto polo que se crea a rede de Nodos de Innovación sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcións. Esta rede, dependente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo adscrito á Consellería de Sanidade, busca que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde, acheguen as súas ideas de mellora, dando resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade. A rede recolle, valoriza e acompaña estas iniciativas co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o sistema público de saúde de Galicia.
Segundo recolle o decreto, as ideas e propostas innovadoras presentadas deberán demostrar que xeran un valor para os pacientes e o sistema sanitario, mellorando a calidade de vida dos doentes ou a eficiencia do servizo sanitario no ámbito da provisión de servizos, prácticas asistenciais ou de xestión.