O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) a zona arqueolóxica de Adro Vello na parroquia de San Vicente do Mar, no concello do Grove. Isto supón a culminación definitiva do procedemento aberto pola Xunta de Galicia hai un ano para aplicar o réxime de tutela da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e outorgar o maior nivel de protección deste xacemento arqueolóxico.
Tal e como se recolle no decreto, tras a autorización do Consello da Xunta en decembro de 2022, a xustificación para a súa declaración fundaméntase no seu interese científico, así como na súa importancia histórica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia, que o configuran como un dos xacementos máis sobranceiros no ámbito da Comunidade Autónoma.
Nesta liña, o texto establece que a zona arqueolóxica de Adro Vello constitúe un fito de importancia clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés. A súa longa secuencia de ocupación e a variada tipoloxía de restos, que van desde unha factoría de salgadura ata un sistema defensivo, restos de cerámica ou unha necrópole de inhumación con ata dez niveis, avalan o potencial de Adro Vello como un recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular.
A declaración impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio da Comunidade. Así o demostran tamén os 106 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, unha cifra que eleva ata os 779 os BIC que existen en Galicia.