Publicado o novo decreto de sanidade mortuoria

2 minutes read

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición deste luns, recolle a publicación do novo Decreto de Sanidade Mortuoria. Así, a nova normativa substituirá ao Decreto 151/2014, mellorando aspectos técnicos da regulación para adaptalos aos requirimentos sociais e técnicos existentes, simplificando as tramitacións administrativas e incorporando as determinacións da Guía consensuada aprobada polo Sistema Nacional de Saúde.

Neste senso, a nova norma presta especial atención ás implicacións que o dereito á liberdade relixiosa ten respecto desta materia, contendo unha regulación expresa para aqueles enterramentos que, por motivos confesionais, teñan que realizarse en contacto coa terra. Nesta liña, contempla a posibilidade de eximir do uso de cadaleito, cando así se demande, e previa conformidade da entidade titular do cemiterio no que se vaia inhumar. Xa que logo, facilitará a realización de enterramentos polos ritos musulmán ou xudeu no territorio galego, tal e como a Xunta lle trasladou aos representantes destas comunidades.

A nova regulación tamén dá resposta á necesidade de reducir o control administrativo preexistente, optando por unha intervención máis limitada, centrada naqueles aspectos exclusivamente sanitarios derivados da actividade funeraria, ao tempo que mantén plenas garantías no referido á protección da saúde pública.

O texto tamén recolle un recoñecemento competencial expreso ás administracións locais, como provedoras dos servizos públicos primarios á poboación, entre os que se inclúen os cemiterios e as actividades funerarias; e incorpora gran parte das determinacións contidas na Guía de Consenso de Sanidade Mortuoria, aprobada pola Comisión de Saúde Pública do Sistema Nacional de Saúde.

Respecto das medidas consensuadas co conxunto de representantes das comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, cómpre destacar a modificación dos tempos mínimos esixidos desde o falecemento para poder realizar prácticas sanitarias sobre o cadáver, así como a redución a 12 horas do prazo mínimo para poder dar o destino final a un cadáver sempre que dispoña da correspondente licenza de enterramento.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?