Publicado o primeiro Plan de igualdade entre mulleres e homes no Sergas

Interior dun hospital do Sergas_Cedida.

O Diario Oficial de Galicia publicou o I Plan de Igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde 2021-2024, pactado na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, e asinado o pasado mes de xuño polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e os representantes das organizacións sindicais.

O plan constitúe un fito co que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes se sitúa como un principio básico e transversal en toda a organización, ao recoller un conxunto de accións que teñen por obxecto erradicar os posibles atrancos e prexuízos de xénero existentes, na procura de conseguir que a cultura da igualdade o impregne todo.
O documento, que conta o apoio de todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT), estrutúrase en seis eixos, e contempla 59 medidas encamiñadas a avanzar en termos de Igualdade, ademais de corrixir posibles desequilibrios entre o persoal do Sergas.

Os seis apartados que configuran o plan en materia de igualdade son: o acceso ao emprego público e provisión de prazas; as condicións de traballo e promoción profesional; a formación, información e sensibilización; e o tempo de traballo, corresponsabilidade e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Así mesmo, completan a estrutura do plan: a atención a situacións de especial protección por violencia de xénero, acoso sexual e discriminación por razón de sexo, orientación ou identidade sexual; e as medidas transversais para integrar o principio de igualdade na organización.

Ademais, tamén se garante o dereito das persoas transexuais, tranxénero e intersexuais a ser identificadas na organización co nome e xénero co que se sinten identificadas; e recóllese a creación da figura dun responsable, por área sanitaria, en materia de igualdade e violencia de xénero.