Puerto 80 Proyects, con sede en Arteixo e creadores de Rojadirecta, a xuízo con fianza de 4 M€


Rojadirecta pechou en 2017. A web ofrecía ligazóns a todo tipo de eventos deportivos, entre os cales destacaba o fútbol, con portais cheos de ligazóns, e, en ocasións, ligazóns con malware. Ofrecíanse en todo tipo de resolucións e idiomas, aínda que cunha experiencia de uso bastante pobre. Cinco anos despois o seu creador enfróntase a 6 anos de cárcere.

Así o anunciou LaLiga nun comunicado. O Xulgado de Instrución 1 da Coruña deu por concluída a instrución e ordenou que se abra un xuízo oral contra o administrador das webs ilegais, ademais da outros cinco acusados e á súa sociedade Puerto 80 Projects. Catro deles están acusados como coautores e colaboradores, e o quinto está acusado como autor dun delito de facilitación de acceso a servizos de radiodifusión sen autorización do prestador.

Todos eles están acusados de delitos continuados contra a propiedade intelectual a través do portal de rojadirecta.com, ademais dos beneficios obtidos a través desta actividade ilícita. A xuíz fixou en 4 millóns de euros a fianza para o creador da web e a súa sociedade para facer así fronte ás posibles responsabilidades derivadas desa actividade, dada a gran cantidade de ganancias obtidas e os prexuízos causados.

O fiscal solicita 4 anos de cárcere para o creador, e penas de 2 anos e 3 meses para o resto dos acusados. Á súa vez, pide o cesamento de actividade das webs e que se suspenda o aloxamento de datos, a transmisión e o acceso a redes de telecomunicacións para a prestación de calquera servizo que lles permita seguir pirateando contido protexido.

Con todo, LaLiga e Mediapro piden que a pena de cárcere se eleve a 6 anos para o administrador da web, ademais de solicitar unha multa de 6 millóns de euros e a disolución da sociedade.

O proceso arrincou en 2015 tras unha denuncia de DTS contra rojadirecta.com. LaLiga e Mediapro sumáronse ao proceso como prexudicados. O creador da web foi detido e posto en liberdade, coa obrigación de presentarse todos os meses no xulgado. Todas as súas contas están bloqueadas á espera de que finalice a investigación.

Lugar do domicilio social da empresa, en Villarodís, Arteixo.