O expresidente catalán Carles Puigdemont compareceu ante a comisión do Parlamento Europeo encargada de analizar se se lle retira a inmunidade parlamentaria. Respondeu ás preguntas dos eurodeputados a porta pechada, xa que o proceso esixe confidencialidade. Á súa chegada á comisión de Asuntos Xurídicos, mostrouse confiado en que non se lle retirará a inmunidade.
«Non hai motivos, pero imos loitar igual. Dixeron que non podiamos ser eurodeputados e equivocáronse», dixo Puigdemont. Unha das súas liñas de defensa baséase na falta de competencia do Tribunal Supremo español para solicitar a súa extradición. Especialmente despois de que a xustiza belga denegase a semana pasada de forma definitiva a extradición a España outro dos conselleiros huídos a Bélxica, Lluis Puig.
Pero o presidente da comisión de Asuntos Xurídicos insiste en que son dúas cousas diferentes. «A sentenza é a sentenza do poder xudicial dun Estado membro, de Bélxica. E agora mesmo estamos a falar dun proceso lexislativo do Parlamento Europeo. Son dúas cousas absolutamente diferenciadas que non teñen nada que ver a unha coa outra», ha explica Adrián Vázquez, eurodeputado español do partido Cidadáns.
Ante a comisión tamén compareceron os outros dous eurodeputados independentistas que reclama a xustiza española, Toni Comín e Clara Ponsatí. O Tribunal Supremo solicitou que se lles levante a inmunidade para poder xulgalos pola súa participación no referendo de independencia de 2017. A decisión da Eurocámara non se coñecerá antes da primavera.