O ex-presidente da Generalitat de Cataluña Carles Puigdemont, fuxido en Bélxica desde 2017 e perseguido en España por presuntos delitos de sedición e malversación na causa do ‘procés’, quedou este venres en liberdade sen fianza pero con condicións, tras comparecer ante a Xustiza belga.
Segundo informou Puigdemont á prensa tras presentarse voluntariamente ante as autoridades belgas, deberá informar de se ten intención de saír de Bélxica ou manter unha residencia fixa no país.
Puigdemont rexeitou entregarse a España, tras comparecer voluntariamente ante as autoridades belgas, acompañado dos seus avogados, en relación coa euroorde cursada polo Tribunal Supremo.
Agora «está a seguir todos os pasos oficiais que acompañan a este procedemento», e que, ao recibir a notificación «opúxose á súa entrega» ás autoridades españolas, segundo fontes da súa oficina.