Carles Puigdemont, deu este luns por rotas as relacións da dirección co PSOE e anunciou que exercerán «a oposición» ao Goberno, xa que considera que «non hai vontade» por parte dos socialistas de executar os acordos políticos. «A desconfianza é mutua», asegurou o expresidente catalán nunha comparecencia desde Perpiñán, onde recibiu o apoio unánime da cúpula do seu partido, a falta do aval da militancia. Puigdemont lanzoulle unha advertencia a Pedro Sánchez. Díxolle que se a militancia ratifica a decisión da Executiva, xa non terá a maioría que o fixo presidente e que, polo tanto, «non terá presupostos nin capacidade para gobernar». Os independentistas tamén critican a falta de transparencias en asuntos como a investigación dos atentados de Barcelona e Cambrils –a cuxos documentos desclasificados non lles deron acceso, segundo Puigdemont– ou sobre as balanzas fiscais, requisito indispensable para que Junts negocie os orzamentos xerais do Estado de 2026. «Estas balanzas son importantes tanto para os orzamentos como para o modelo de financiamento. Non podemos se a outra parte xoga coas cartas marcadas, se sabe a realidade das finanzas e ti non», criticou.