Punta Nariga protagoniza a portada do calendario da revista National Geographic Historia

Cedida.

  • Trátase dunha acción de promoción turística, da área de Turismo da Deputación da Coruña.
  • Dirixido a un público obxectivo específico, distribuiranse 16.000 exemplares en todos os puntos de venda da revista no Estado.

O Faro de Punta Nariga, en Malpica de Bergantiños, protagoniza a portada do calendario deste ano que se presenta baixo a epígrafe ‘A Coruña provincia, unha viaxe pola historia’. A mencionada viaxe comeza no Neolítico, dedicando xaneiro ao proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, protagonizado polo Dolmen de Dombate e a Pedra da Arca, e remata no último mes do ano cun apartado titulado ‘Vistas ao futuro’ que relaciona paisaxe, cultura e contemporaneidade exemplificada cunha fotografía da obra ‘O Mirón’ de Arteixo e outra do mural de Yoseba Muruzábal ‘Fina de Carballo: a muller nitromón’ en Carballo. É o segundo ano consecutivo que a área de Turismo da Deputación aposta por promover os recursos da provincia a través do calendario desta revista especializada en viaxes e turismo.

Este percorrido histórico inclúe petróglifos do proxecto Compostela Rupestre, concretamente o petróglifo de Correxíns e a Nave de Mourigade; cos castros de Baroña e Borneiro para ilustrar o proxecto do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro; e coa Torre de Hércules e o xacemento de Caldoval en Mugardos para ilustrar a pegada romana. O mes de maio chega coa Idade Media e unha fotografía do Mosteiro de Caaveiro e os frescos da Igrexa de San Antoniño de Toques, e continúa en xuño coa igrexa de San Francisco de Betanzos e o Castelo de Vimianzo. Xullo está dedicado ao barroco e á Catedral de Santiago de Compostela, e continúa en agosto co Mosteiro de Santa María de Sobrado e o de San Martiño Pinario en Compostela. A relación da provincia co mar, coa tradición xacobea ou a arquitectura modernista tamén están presentes a través do Castelo de Santo Antón na Coruña, o Pazo de Mariñán en Bergondo, o Santuario da Virxe da Barca en Muxía, Cabo Fisterra ou a Casa Abrigada en Cambre.