Rusia converteuse este martes no primeiro país en rexistrar oficialmente unha vacina contra o coronavirus e declarala lista para o seu uso, a pesar do escepticismo internacional. «Este martes rexistrouse, por primeira vez no mundo, unha vacina contra o novo coronavirus», dixo o xefe do Kremlin nunha reunión co Gabinete de Ministros.
Putin salientou que a vacina se someteu ás probas necesarias e demostrou ser «eficaz», ofrecendo unha «inmunidade estable» contra o coronavirus. Con todo, os científicos nacionais e estranxeiros deron a alarma de que a présa por empezar a utilizar a vacina antes dos ensaios da fase 3, que normalmente duran meses e nos que participan miles de persoas, podería resultar contraproducente.
O presidente Vladimir Putin engadiu que unha das súas fillas xa foi inoculada e que se atopa ben. «Ela participou no experimento», explicou.