O presidente de Rusia, Vladímir Putin, afirmou este venres que a pesar de estar a favor do diálogo non ve ningunha necesidade de sentar a negociar co presidente estadounidense, Joe Biden, quen xa dixo que non conversará con Rusia sobre Ucraína en ausencia de Kiev na mesa de negociación. Putin referiuse ao diálogo con Biden nunha rolda de prensa ao termo de dous días de cumes rexionais en Casaquistán.
«Hai que preguntarlle se está disposto a manter estas negociacións comigo. Francamente, non vexo a necesidade en xeral. Aínda non hai unha plataforma para estas negociacións», dixo.
O mandatario ruso tamén se referiu ás explosións producidas na ponte de Crimea. Dixo que o seu servizo de intelixencia investiga se os explosivos foron trasladados por corredores humanitarios en Ucraína. Antes de finalizar a rolda de prensa Putin afirmou que a mobilización dos 300 mil reservistas a Ucraína estará completa en dúas semanas.