O presidente ruso Valdímir Putin anunciou en televisión o comezo da ofensiva rusa en territorio ucraíno. Na súa alocución, o mandatario informou do inicio dunha operación especial no Donbás co pretexto de defender as rexións separatistas de Lugansk e Donetsk, cuxa independencia recoñecera dous días atrás.
O inquilino do Kremlin asegurou que Rusia non ten intención de ocupar territorio ucraíno, pero indicou a súa intención de «desmilitarizar e «desnazificar» Ucraína. Pouco despois do anuncio sorpresa, escoitáronse polo menos dúas potentes explosións no centro da cidade de Kiev, e outras en Kramatorsk, no leste, e en Odessa, no Mar Negro.
Pola súa banda, nun emotivo discurso previo á orde anunciada por Putin, o presidente ucraíno, Volódimir Zelenski rexeitou as acusacións vertidas desde Moscova de que o seu país supón unha ameaza para Rusia e destacou a negativa de Putin a dialogar: «Tentei ter unha chamada telefónica co presidente ruso, pero o resultado foi o silencio». Ucraína decretou a lei marcial.
O país entrou a pasada medianoite en estado de emerxencia, permitindo ao Goberno tomar medidas especiais como a instauración de toques de queda. O Parlamento aprobou ademais autorizar aos cidadáns para levar armas de fogo para utilizalas en defensa propia.
Rexeitamento de EEUU e a OTAN
O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, denunciou inmediatamente un «ataque inxustificado» que causará «sufrimento e perda de vidas». «O mundo pedirá contas a Rusia», prometeu. O xefe da OTAN, Jens Stoltenberg, condenou o «ataque imprudente e non provocado» de Rusia. E na ONU, Ucraína pediu a Rusia que «deteña a guerra», mentres que Francia denunciou o «desprezo» de Rusia pola ONU.