O presidente ruso foi recibido a pé de avión polo seu homólogo bielorruso, Alexandr Lukashenko, o único líder europeo posicionado ao lado de Moscova na súa guerra con Ucraína. A visita, segundo o propio Putin, céntrase fundamentalmente no aspecto económico, aínda que, por suposto, hai outros temas para tratar: «O noso obxectivo é o de conseguir algúns resultados en diversos ámbitos», dicía o presidente ruso. «De feito, nos últimos tempos prestamos moita atención ás cuestións de seguridade, á cooperación na escena internacional. En xeral, deberiamos estar satisfeitos coa forma en que se están construíndo as nosas relacións nesta vía». A visita de Putin prodúcese nun contexto de crecentes temores no Exército ucraíno de que Rusia abra pronto un novo fronte a través da fronteira bielorrusa, sen outro obxectivo que o de tomar Kiev. Lukashenko insistiu en repetidas ocasións en que non ten previsto enviar tropas bielorrusas a Ucraína, aínda que, a estas alturas, xa poucos se fían das promesas.
41