Quedan prohibidos os velorios e restrinxidos a 3 os acompañantes en enterros

dpm.

O Ministerio de Sanidade prohibe os velorios de todo tipo e cultos relixiosos ou cerimonias civís fúnebres e restrinxe a un máximo de tres familiares ou achegados a comitiva en enterros ou cremacións para limitar o contaxio do coronavirus.

Así figura nunha orde do 29 de marzo pola que se establecen medidas excepcionais en relación cos velorios e cerimonias fúnebres, publicada este luns no Boletín Oficial do Estado (BOE), que se aplicará a todos os falecementos que se produzan en España durante a vixencia do estado de alarma.

Así, prohíbense os velorios en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, así como nos domicilios particulares. A orde establece, ademais, que se pospón a celebración de cultos relixiosos e cerimonias civís fúnebres ata a finalización do estado de alarma. O incumprimento de calquera das obrigacións establecidas neste apartado será considerado unha infracción.