Vieiro continúa realizando programas e actividades en diferentes centros educativos de Carballo, onde está situada a súa sede, proporcionándolles aos mozos a información necesaria para poder facer fronte a problemas ligados á adicción de estupefacientes, á discriminación ou a temas afectivo-sexuais.
Actualmente o alumnado de 3º e 4º da ESO dos institutos carballeses está a participar no «Quéreme ben», un programa destinado a «facilitar a posta en práctica de procesos de educación afectivo-sexual que permitan aos mozos adquirir capacidades para desenvolver unha vida afectiva responsable, satisfactoria e en igualdade».
O obxectivo desta iniciativa, entre outros, é elevar o nivel de saúde sexual na poboación adolescente propiciando a diminución das condutas de risco na prevención de embarazos non desexados, así como enfermidades de transmisión sexual.