Así o anunciou o rexedor de Muxía, Iago Toba, xunto coa tenenta de alcalde, Olalla Benllonch, que presentou ao que será o pregoeiro das festas deste ano, indicando que “é a persoa axeitada para esta función, xa que representa á perfección a romaría, é moi querido pola veciñanza e é un persoeiro auténtico dentro da comunidade muxiá”.
Aínda que Rafael é natural de Andalucía, leva moitos anos representando o sentimento muxián e rexentou durante moito tempo un negocio local como o bodegón ‘El cordobés’, que foi un dos epicentros da vida social da vila da Barca.
O alcalde subliñou que “é habitual que os pregoeiros das festas sexan artistas, intelectuais, deportistas… e está moi ben, pero tamén temos que ter presentes a outras profesións que abandeiran do mesmo xeito o estilo de vida muxián, por iso este ano nos decidimos por Rafael, que segue a fomentar o espírito festivo no municipio de Muxía ao longo dos 365 días do ano e que segue achegando tantas cousas á comunidade muxía”.