Rapazada de toda Galicia coñece Cabana da man do campamento xuvenil da Xunta

1 minutes read
  • A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, visitou este venres as renovadas instalacións do albergue municipal Alalá

Rapazas e rapaces procedentes de distintos recunchos de Galicia están a gozar de Cabana, o seu patrimonio e os seus recursos naturais grazas ó campamento xuvenil da Xunta de Galicia que está agora mesmo en marcha. A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, visitou este venres as renovadas instalacións do albergue municipal Alalá, onde se aloxa a rapazada, e coñeceu as súas impresións logo dos primeiros días de actividades.

Nunha cita na que estivo acompañada polo alcalde, Xosé Muíño, e a xerente de Alalá Terra e Sons, Mariluz Imia, a directora de Xuventude puido comprobar o resultado final das reformas acometidas nos últimos meses no albergue. A infraestrutura, que abriu ao público no mes de xuño, acolle desde o 17 de xullo e ata o 26 de xullo a estas mozas e mozos nados entre o 2009 e o 2012.

O rexedor cabanés agradeceu «a colaboración da Xunta na realización deste tipo de actividades e a confianza depositada no Concello de Cabana para o coidado e a educación da mocidade galega». Cristina Pichel, pola súa parte, mostrou a súa satisfacción «por como se está a traballar tanto por parte do albergue, como polo Concello e por parte do equipo de monitores»; mentres que a propia xerente do Alalá destacou que están a traballar «sen descanso» e encarando «con ilusión todas as semanas que quedan de verán».