O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, asinaron este venres o convenio que posibilitará obter o terreo para a construción do futuro centro de saúde. Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria, a nova infraestrutura, emprazada na parcela que expropiará o concello, contará cunha superficie de 1.000 m2. No acto de sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; e o xerente da área sanitaria, Luis Verde.
O novo centro terá catro consultas de medicina xeral e tres de enfermería para adultos; unha consulta de pediatría e unha de enfermería pediátrica; unha sala de toma de mostras e unha polivalente; e unha sala de urxencias. Tamén terá sala de docencia e un despacho de coordinación.
Comesaña remarcou que o futuro centro duplicará a superficie do actual, o que suporá que as consultas de adultos serán tres máis que no de agora, e engádese a de enfermería pediátrica, ademais de espazos propios para as salas de extraccións e urxencias, que agora sitúanse en espazos compartidos.
Outras melloras
O conselleiro puxo en valor que esta nova infraestrutura non é o único avance para este concello, xa que Malpica conta dende o ano pasado cunha nova doutora con praza fixa, froito da convocatoria de prazas de difícil cobertura que o Sergas realizou mediante un concurso de méritos, sendo Galicia a primeira comunidade que ofrece prazas en propiedade sen oposición, co obxectivo de incentivar a súa cobertura en atención primaria.
Xunto ao anterior, Comesaña subliñou que a Xunta creou, tamén o ano pasado, equipos de enfermería de soporte de atención domiciliaria, e un deles está destinado a Malpica, xunto con Carballo e Coristanco.
Respecto ao equipamento do centro, o conselleiro explicou que, nestes momentos, o seu departamento ten contratos en trámite por valor de 18.000 euros para incorporar a este centro de saúde un equipo multidiagnóstico, un sistema de monitorización ambulatoria da presión arterial e unha padiola de transporte. Deste xeito, o Goberno galego segue a impulsar a renovación integral da atención primaria.