O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou este luns o nomeamento do profesor doutor Ricardo José Cao Abad como reitor da Universidade da Coruña (UDC), tras ser este aprobado polo Executivo galego na súa reunión do pasado xoves . Tomará posesión do cargo este martes día 16. O nomeamento prodúcese despois de que Cao fose elixido nas eleccións ao Reitorado do pasado 4 de decembro. Sucede no cargo a Julio Ernesto Abalde, que era reitor desde o ano 2016.
Nacido na cidade herculina en 1965, Ricardo Cao é doutor en Matemáticas e profesor na Universidade da Coruña desde 1991. Desde 1999 é catedrático de estatística e investigación operativa nesta institución. As súas liñas de investigación abarcan a estatística non paramétrica o ‘bootstrap’, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume (‘big data’), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e a modelización estatística en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en xenómica e neurociencia e en malherboloxía.