Razo contará con nova pasarela e ramplas de madeira de acceso á praia


O Concello de Carballo adxudicou este luns á empresa Jardinería Arce os traballos de substitución da pasarela e das ramplas de madeira do paseo da praia de Razo. A pasarela, que ten algo máis de 600 metros de lonxitude, foi construída entre os anos 2003 e 2005, polo que precisa unha reforma integral. As obras consistirán na demolición e levantado das estruturas actuais e a limpeza da zona, a reposición do borde de formigón, a instalación da nova pasarela de madeira de pino tratada, así coma das ramplas de accesibilidade. O proxecto tamén prevé o traslado das columnas de alumeado público, bandeirolas e megafonía que invaden a zona de paso e a ampliación dos cubre-contedores. A empresa adxudicataria disporá de 4 meses de prazo, a partir da sinatura do contrato, para a execución das obras.