O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou que as oficinas abren en plenas condicións de seguridade tras o peche orixinado pola pandemia do covid-19 e co seu horario habitual, de 9,00 a 14,00 horas, sendo necesario solicitar cita previa para garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía.
Para garantir unha apertura en plenas condicións de seguridade, elaborouse a través do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (Issga), unha guía de recomendacións fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, o que serviu de base para o desenvolvemento dun plan de continxencia para a reapertura.
Sobre a solicitude de citas previas, indicou que se poden pedir desde finais de xuño por calquera persoa interesada, a través do Portal de Emprego Galicia ou do servizo de atención telefónica 012. Ademais, a renovación automática da demanda estenderase ata o vindeiro 30 de setembro, deste xeito evitaranse desprazamentos innecesarios das persoas demandantes de emprego.
A Administración autonómica seguirá a fomentar e ampliar os seus servizos non presencias, a través do Portal de Emprego e a aplicación Mobem. Co obxectivo de facilitar á cidadanía a realización destes trámites, desenvolverase polo persoal de orientación un programa específico de titorización dixital para persoas demandantes, así como unha campaña de vídeos informativos sobre as ferramentas e servizos telemáticos.