Reabre ao público o castelo de Pambre en Palas de Rey


Tras unha restauración levada a cabo nos últimos meses e logo da parada obrigada pola pandemia, xa se poden cruzar de novo os muros do castelo de Pambre e subir ao máis alto desta fortaleza para coñecer de preto unha combinación de historia e natureza.

O castelo de Pambre está situado a beiras do río Pambre no municipio de Pas de Rey. A fortaleza erixiuse a final do século XIV da man de Gonzalo Ozores de Ulloa. En 1484 pasa a ser propiedade dos condes de Monterrei como fielato con funcións militares de custodia do Camiño de Santiago e de cobranza de portazgos. Co tempo, a estabilidade interna de Galicia dentro do conxunto dos reinos de España e a decadencia do Camiño de Santiago tras a Reforma Protestante do centro e norte de Europa, ocasionan que a súa función principal acabe derivando en núcleo de produción agropecuaria das terras vinculadas á propiedade da fortaleza, na rica comarca lucense da Ulloa.

As vistas dende a torre, a conservación da fortaleza e a base sobre a que se asenta chaman a atención dos seus visitantes.Un percorrido cheo de curiosidade. Esta foi a única fortaleza que resistiu á revolta Irmandiña e conserva as marcas de numerosos canteiros. Galegos, de diversos puntos de España ou peregrinos de diversas nacionalidades compoñen o perfil dos seus visitantes. En 2019 pasaron por aquí unhas 12.400 persoas.