O Concello de Vimianzo concluíu as obras de rehabilitación integral e repavimentación da rúa Braña da Grixa, no treito comprendido entre a AC-552 e a esquina coa rúa Codeseiras. Este xoves, 5 de xuño, procedeuse á reapertura do tráfico rodado na zona.
A actuación incluíu a ampliación e mellora do firme existente da calzada, a renovación da rede de saneamento, a execución de sendas peonís e a instalación de novos sistemas de iluminación. Ademais, no marco desta intervención, habilitáronse un total de 67 prazas de aparcamento.
Deste xeito, os traballos, que contaron cun orzamento de 166.102 euros, permitiron renovar completamente a estrada, ao tempo que se crearon novas prazas de aparcamento e beirarrúas, mellorando de xeito notable a seguridade peonil.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, subliñou que se trata “dunha actuación moi importante, coa que melloramos de maneira notoria as condicións de seguridade dos veciños e veciñas da zona e o ordenamento da seguridade viaria”.
Engadiu que, ademais, “permitiunos seguir coa nosa aposta por darlle protagonismo aos peóns, garantindo a súa seguridade ao proporcionarlle un espazo seguro para camiñar. Ao mesmo tempo, aumentamos o volume de prazas de aparcamento, algo moi demandado”.
A rexedora agradeceu a “colaboración de todos os veciños e veciñas da zona pola súa comprensión durante a execución das obras”.
Con esta actuación, desde o Concello de Vimianzo reafirman o seu compromiso coa mellora de infraestruturas e coa creación de espazos máis accesibles e seguros.