- A intervención, que contou cun orzamento de 85.500 euros, daralle máis protagonismo ao peón fronte aos vehículos
O Concello de Malpica restableceu este martes a circulación para o tráfico rodado na rúa Igrexa despois de que finalizasen as obras de humanización. Deste xeito, queda habilitado un carril en dirección única para que os vehículos poidan acceder tanto á Praza Fonte Vella como á rúa Camiño do Río.
A intervención contou cun orzamento que rolda os 85.500 euros. O obxectivo da mesma foi situar o peón como protagonista na circulación pola rúa, continuando así o labor de humanización do centro urbano da vila dentro dun plan integral que busca «eliminar o exceso de tránsito de vehículos e incrementar a seguridade do viandante», aseguran desde o Goberno local.
Entre os traballos atopábase a renovación total da calzada, a retirada do antigo mobiliario urbano e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e de abastecemento de auga.