A circulación na N-642, que o venres sufriu un corte entre os puntos quilométricos 41 e 44 por unha importante deterioración da vía, reactivouse este luns por un carril.
A última hora da tarde deste domingo habilitouse un carril da N-642, regulado por un semáforo, para que o tráfico poida circular polo menos por unha parte da vía, que permanecía cortada ao tráfico desde a noite do venres, entre Burela e Foz, debido a unha focha producida por unha balsa de auga ocasionada polas fortes choivas caídas nos últimos días.
A Subdelegada do Goberno en Lugo Isabel Rodríguez aseguraba este luns que se está circulando “con fluidez” e que os técnicos teñen que valorar que solución dar. O alcalde de Burela Alfredo Llano di que a solución que se adoptou foi rápida: “De non ser así , teríamos un problema gordísimo”. O alcalde de Foz Fran Cajoto aplaude o traballo que se fixo toda a fin de semana para chegar a este luns e permitir que se puidese circular pola N-642, aínda que fose de xeito provisional. “Podemos respirar”, aseguraba.
A apertura dese carril na N-642 alivia a situación. Condutores e veciños agradecen que non demorase, pero advirten de que isto pon de manifesto a alta dependencia que teñen da estrada e da necesidade dunha alternativa.