As eleccións xerais españolas, celebradas onte 28 de abril, quedarán para o recordo por varios motivos: un deles é a remontada do PSOE despois de obter os seus peores resultados no 2016 e outro deles é a gran fragmentación da dereita española, que deixou ao PP afundido co peor resultado electoral na súa historia e situando a VOX no Parlamento con 24 escanos.
As reaccións internacionais non se fixeron esperar, pois onte todo o mundo tiña o ollo posto en España.
Unha das primeiras en reaccionar aos resultado foi a alcaldesa de París, Anne Hidalgo, socialista e de orixe española, que afirmou nas súas redes sociais que a vitoria de Sánchez é «unha gran esperanza para España e un exemplo para os socialdemócratas e ecoloxistas de toda Europa».
En Venezuela, o autoproclamado «presidente encargado», Juan Guaidó, celebrou o «triunfo da democracia» en España e indicou que confía en que «o Goberno español terá como prioridade a construción de saídas á crise de Venezuela».
Tamén houbo aplausos para Abascal por parte da ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD): «por fin tamén España ten unha forza patriótica que loita contra os camiños equivocados da esquerda e fortalece o Estado de dereito», escribiu o presidente de AfD, Jörg Meuthen.
Desde Italia, o ministro de Interior e líder do partido de ultradereita Liga, Matteo Salvini, tampouco dubidou en felicitar aos «amigos de Vox», mentres que o comisario europeo Moscovici manifestou que a elección de Sánchez é «un camiño a seguir»
«A vitoria das forzas progresistas en España e o colapso do dereitista PP son unha mensaxe de esperanza. Aqueles que predecían unha vitoria da dereita en Europa non deberían precipitarse», escribiu o primeiro ministro grego, Alexis Tsipras en Twitter.
Francia «tomou nota» da vitoria do PSOE e desde o goberno de Emmanuel Macron expresaron a vontade de traballar co próximo goberno español en prol dunha «Europa soberana, unida e democrática».
Pola súa banda, a presidenta da ultradereitista Agrupación Nacional (RN nas súas siglas en francés), Marine Le Pen, felicitou este luns a Santiago Abascal e á súa formación Vox pola súa entrada «fulgurante» no Parlamento español.
O primeiro ministro de Irlanda, Leo Varadkar, tamén felicitou a Sánchez, pola vitoria do PSOE e instaou a non prestar «demasiada atención» á irrupción de Vox.
Con votos a favor e en contra, agora só quedar esperar a que se forme o goberno español e ver como evoluciona o panorama político, económico e social do país.