ReacPon | Ambicioso programa de investimento da Deputación de Pontevedra

1 minutes read

ReacPon xa está en marcha. O goberno provincial de Pontevedra presentou as bases para poñer a circular 20 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes, o ambicioso investimento público que a Deputación de Pontevedra destina cara á reactivación na provincia na etapa postCovid. A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera deron a coñecer as liñas centrais das bases que, con criterios obxectivos, transparentes, equitativos, respectando a autonomía local e por concorrencia competitiva, permitirán impulsar nos concellos actuacións de rehabilitación, de nova construción e de mellora de espazos públicos. Aprobaranse no próximo pleno e unha vez publicadas os concellos poderán xa presentar os seus proxectos.

A través de ReacPon Concellos preténdese garantir dereitos e servizos, loitar contra o despoboamento fomentando a igualdade de oportunidades no ámbito rural e urbano, impulsar a sustentabilidade, promover a conectividade e dixitalización na prestación de servizos e a accesibilidade no acceso a equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural. Deste xeito, a institución vai dinamizar a economía e colaborar na recuperación pos-covid, así como proporcionar aos concellos infraestruturas e dotacións de carácter singular e avanzar na consecución dos Obxectivos 2030 e nas liñas mestras definidas para os fondos Next Generation.