Reactivada a comisión de seguimento da Covid-19 en Carballo, que xa rexistra 81 casos

2 minutes read
  • Este venres traballadores municipais e taxistas realizaron probas PCR, que continuarán facéndose durante os vindeiros días

A situación sanitaria na que se atopa o concello de Carballo, con 81 casos de Covid-19 activos, segundo os datos facilitados pola Xerencia da Área Sanitaria A Coruña-Cee, obrigou a reactivar a comisión de seguimento que veu funcionando durante todo o estado de alarma e que se manterá mentres sexa preciso.

O alcalde, Evencio Ferrero, reiterou a oferta de colaboración do goberno local coas autoridades sanitarias e achegouse ao centro de saúde para comprobar o funcionamento das probas PCR que se lle realizaron ao persoal de Servizos Sociais, monitores/as deportivos/as municipais e de entidades e taxistas. O rexedor destacou a boa organización e a rapidez coa que se realizaron as probas, que continuarán nos vindeiros días para traballadores/as doutras áreas municipais.

Na xuntanza deste venres, á que asistiron membros do goberno municipal, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, abordáronse as cuestións máis inmediatas, entre elas a suspensión dos actos das festas da Milagrosa e a obrigatoriedade de celebrar as misas dentro da capela e con todas as medidas de seguridade; ou a suspensión da feira da Milagrosa do domingo 13 no caso de que se manteñan as restricións actuais, que só permitirán a venda de produtos de alimentación.

A Garda Civil e a Policía Local están a traballar xa de maneira coordinada para velar polo cumprimento da normativa vixente nos establecementos de hostalaría, tanto no que respecta a horarios coma á prohibición de consumir nas barras ou á obriga de utilizar elementos de protección.

Precisamente, e con respecto ao uso das máscaras, dende o Concello de Carballo infórmase de que o persoal do Servizo de Axuda no Fogar non prestará asistencia nos domicilios cuxos ocupantes se neguen a utilizar máscaras mentres as/os auxiliares fan o seu traballo. Os Servizos Sociais, en colaboración do Servizo Municipal de Protección Civil, tamén ofrecen ás persoas que o precisen a posibilidade de transportar produtos de alimentación ou medicamentos a domicilio, como se fixo durante o estado de alarma.