Cada ano rexístrase unha media de 34 adopcións de animais. A maioría son cans, pero tamén hai algún gato. O 25% dos animais que chegan á Canceira Municipal son animais perdidos, que acaban sendo reclamados polos seus propietarios e regresan aos seus fogares, pero a gran maioría son cans e gatos abandonados. Nese sentido é preciso facer un chamamento á responsabilidade dos/as propietarios/as, ademais de lembrarlles que o abandono de animais de compañía está considerado coma unha falta grave na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, e pode supoñer sancións de 501 a 5.000 euros. Tamén é unha falta grave non ter identificados aos cans. Sen embargo, só un 16% dos que se recollen da vía pública contan con chip. Desde a Canceira Municipal de Carballo fan un chamamento á responsabilidade, e se realmente estás decidido/a a incorporar un novo membro ao teu fogar, non merques, adopta. Darlles unha segunda oportunidade a estes animais é doado e barato. Os trámites de adopción, que inclúen xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Identificacion de Animais de Compañía (Regiac) custan só 50 euros.
39