Reactivadas as obras na travesía de Sísamo, en Dumbría e Mazaricos

Foto.- Cedida.

Seguindo as indicacións do Goberno de España, a Deputación da Coruña vén de reactivar a execución dunha vintena de obras ao aire libre na rede provincial de estradas, que suman un investimento de máis de 4,1 millóns de euros.

Trátase de obras de mellora e ampliación de viais, construción de sendas peonís ou renovación de travesías que nalgúns casos supoñen importantes investimentos como a segunda fase da travesía de Sísamo, en Carballo (629.059 euros) ou as sendas peonís da DP 3404 en Dumbría e Mazaricos (646.000 euros) entre outras, mais tamén de pequenos traballos de conservación e limpeza en distintos puntos dos máis de 2.100 quilómetros estradas provinciais.

A Deputación priorizará en todo momento a seguridade dos traballadores a través dos servizos de seguridade e saúde do departamento de Vías e Obras, que supervisan a execución duns traballos que contribúen a manter activa a economía e o emprego no sector da construción e as obras públicas.