- O goberno municipal, que se reuniu telematicamente, aprobou ademais facturas por importe de 78.283,37 euros
A Xunta de Goberno Local aproveitou a primeira sesión tras a declaración do estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus para reactivar a obra pública. Así, na xuntanza celebrada a última hora da mañá deste luns foron adxudicados os proxectos de mellora de accesibilidade en varias vías urbanas, saneamento en varios lugares da parroquia de Artes e acondicionamento dun lavadoiro en Entrecruces. En total, máis de 400.000 euros.
Entre as obras de reactivación atópase a mellora da accesibilidade peonil na contorna do barrio da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga. A obra, que foi adxudicada á empresa Vázquez y Reino S.L. por 153.065,00 euros e cun prazo de garantía de 5 anos, consiste na eliminación de barreiras arquitectónicas e a realización de actuacións de mellora da mobilidade nun total de 41 interseccións e zonas peonís das rúas Vázquez de Parga, Luis Calvo, Pan, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Río Anllóns, Río Miño e avenida de Fisterra.
Tamén se farán actuacións na rede de saneamento nos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (parroquia de Artes). Adxudicada a Vázquez y Reino por 196.400,00 euros, conta cun prazo de execución de 4 meses a partir da sinatura do contrato. A mesma empresa tamén reformará o espazo do lavadoiro público do Piñeiro (parroquia de Entrecruces) por un importe de 46.827 euros e cun prazo de execución de tres meses.
A Xunta de Goberno Local adxudicou ademais o servizo de seguridade e vixilancia da Unidade de Condutas Adictivas (UCA) á empresa Segursystem Europa S.L. por un prazo de 4 anos e un custe total de 141.706,73 euros. A maiores do servizo incluído no prego, a firma adxudicataria ofrecerá, sen custe para o Concello, melloras como botón de pánico con dispositivos móbiles, paleta de detección de metais, chaleco anticortes, vixilancia de reforzo e 300 horas adicionais ao ano.
O goberno municipal, que se reuniu telematicamente, aprobou ademais facturas por importe de 78.283,37 euros, devolución de avais e, fóra da orde do día, o programa cultural do Día das Letras Galegas.