Reactivado o servizo de autobús ás praias da área metropolitana da Coruña e Ferrol

Foto.- Cedida.

Recupérase así o funcionamento da liña de autobús especial praias, que permanecerá en servizo ata o 31 de agosto, tras a grande acollida por parte dos usuarios deste servizo durante o ano pasado.

O reforzo das conexións entre A Coruña, a praia de Santa Cristina, a praia de Bastiagueiro e Oleiros facilitará o acceso aos areais todos os días con 3 servicios de ida e 3 de volta. Así, ás paradas habituais desde Entrexardíns (A Coruña) a IES Miraflores (Oleiros), súmanse as paradas da avenida de Santa Cristina, próxima ao areal; e As Covas, de acceso á praia de Bastiagueiro.

O reforzo de conexións tamén se efectuará entre Cambre, Culleredo e Santa Cristina, con 3 conexións de ida e de volta. Estes servizos facilitarán o acceso á praia de Santa Cristina e efectuarán as paradas habituais entre A Barcala, O Burgo e Pasaxe, con parada na praia de Santa Cristina.

Iníciase, ademais, un servizo especial na liña de Entrexardíns, Praza Galicia e o parque acuático de Cerceda, con paradas en Entrexardíns-estación autobuses-Vilaboa-praza Galicia-Tarrío-Celas-parque acuático Cerceda.

Con este servizo garántese a conexión en transporte público ao parque acuático, con saída diaria de Entrexardíns, ás 11:30 horas e regreso ás 20:00 horas.

Ferrol

O servizo cubrirá o percorrido praza de Galicia, Porto, San Xurxo e praia de Doñinos, e regreso polo mesmo itinerario.

A liña de autobús, disporá de 4 servizos de ida e volta de luns a venres, e 6 servizos os sábados, domingos e festivos.

A saía será desde a praza de Galicia ás 15,00 horas, ás 16,00, ás 18,30 e ás 19,30 horas. Ademais, na fin de semana, existirá un servizo especial ás 12:00 e ás 17:00 horas.

As saídas desde Doniños serán tamén diarias, ás 15,30 horas, ás 16,30, ás 19,00 e ás 20,00 horas, cun servizo especial en sábados e domingos ás 12,30 e ás 18,00 horas.

O prezo de tarifa do billete será de 1,55 euros, reducíndose ata os 0,88 euros para os usuarios da tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia (TMG). Ademais, os menores de 21 anos poderán viaxar de xeito gratuíto coa tarxeta Xente Nova da Xunta.

A información dos horarios dos servizos de autobús da Xunta e a nova configuración das paradas que se engaden poderán ser consultadas na web www.bus.gal.