A XI Feira de Emprego da Cámara, celebrada este martes no Fórum Carballo, reuniu a 170 mozos/as e a 30 empresas con procesos de selección abertos. Como resultado realizáronse preto de 800 entrevistas de emprego que poderían cubrir a demanda das empresas que participaron no encontro e outras futuras.
No acto de inauguración participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a vicepresidenta e o director xeral da Cámara, Luz Pardo e Manuel Galdo, respectivamente, e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Concello de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
En paralelo á realización de entrevistas, os mozos e mozas puideron asistir a seminarios deseñados para axudarlles a mellorar a súa empregabilidade, dotándoos de ferramentas e dándolles consellos prácticos para participar en procesos de selección.