A corporación municipal de Carballo reuniuse este martes para realizar o sorteo das mesas electorais para as eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro. Na sesión, na que houbo varias ausencias e que durou só os minutos necesarios para realizar o sorteo informático, tamén foi aprobada a acta do pleno ordinario celebrado o 30 de setembro.
O alcalde, Evencio Ferrero, ofreceu algunhas cifras relacionadas co proceso electoral. Para o 10 de novembro, por exemplo, están chamadas ás urnas un total de 25.981 persoas do concello. O número de mesas electorais aumenta de 39 a 41 ao dividirse cadansúa mesa no Fórum Carballo e no CEIP Bergantiños por superar o milleiro de electores/as.
As persoas elixidas aleatoriamente para formar parte das mesas electorais recibirán nos vindeiros días a comunicación oficial do Concello.