- Na web www.eumerconalaracha.alaracha.gal pódense consultar a listaxe de beneficiarios e tamén os 42 negocios adheridos nos que empregar os bonos.
Este martes realizouse o sorteo, mediante un sistema electrónico de elección automática e aleatoria, para outorgar as 1.333 chequeiras de 30 euros de valor cada unha do programa Eu merco na Laracha, impulsado polo Concello co múltiplo obxectivo de dinamizar e reactivar o comercio local, aliviar o gastos das familias e fomentar o consumo de proximidade.
Foi preciso ese sorteo xa que se rexistraron 1.648 solicitudes válidas entre as 1.798 presentadas, cifra superior ao número de chequeiras dispoñibles. A listaxe completa dos beneficiarios poderá consultarse a partir desta tarde na web do programa www.eumerconalaracha.alaracha.gal, así como a das 315 persoas que conforman a lista de agarda.
O seguinte paso para os agraciados será recoller as chequeiras acudindo ao Edificio Administrativo da Laracha entre o 2 e o 20 de xuño. No caso de que quedasen sen recoller, comunicarase ás persoas da lista de agarda para que as retiren antes do 30 de xuño. Cada unha das chequeiras conterá tres bonos independentes por valor de 10 euros cada un, que poderán empregarse ata o 30 de xuño nos 42 establecementos, comercios e servizos adheridos para descontar por cada gasto de 20 euros.
O Concello destina ao programa Eu merco na Laracha 40.000 euros por terceiro ano consecutivo.