Haberá test serolóxicos a todo o persoal dos centros educativos antes do inicio de curso

A Xunta realizaralle test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos sostidos con fondos públicos antes do inicio de curso. Así o acordaron as consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e a de Sanidade na xuntanza mantida para abordar o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021, elaborado por ambos departamentos e que será analizado na mesa sectorial do ensino non universitario este xoves. O documento estrutúrase en catro tipos de medidas: de prevención básicas, que afectan ás condicións laborais, de carácter organizativo e de carácter formativo e pedagóxico. Nelas establécense como principais accións para a contención da pandemia nos centros de ensino o establecemento de Grupos de Convivencia Estable, manter a distancia interpersoal, o uso de máscaras e a hixiene.

O documento diríxese ao alumnado, ao persoal docente e non docente e ás familias, dado que manter a seguridade nos centros depende de toda a comunidade educativa. Trátase dun protocolo avalado polas autoridades sanitarias autonómicas e que será obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais.

Ademais, en vindeiros días a Consellería porá á disposición da comunidade educativa unhas instrucións para organizar o inicio do curso desde o punto de vista académico. Estase a elaborar tamén un protocolo específico para os Centros de Educación Especial, que atenda as peculiaridades deste alumnado.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha