Reaparece a sarna cun incremento de casos en Galicia

1 minutes read

Din os dermatólogos que desde que a pandemia de covid obrigou ao confinamento de familias enteiras están a aumentar os casos de sarna, unha doenza cutánea case esquecida que non é grave pero si molesta. Unha clínica compostelá, por exemplo, atende entre seis e oito casos semanais, ás veces máis.

«É un problema que vemos acotío en Galicia. Eu onte atendín cinco pacientes, cinco doentes con sarna, o cal é inusitado e fálase pouco», di Emilio Del Río, dermatólogo.

Segundo este dermatólogo, o aumento de contaxios pode deberse tamén á perda de eficacia dos tratamentos.

«A maioría das sarnas de agora son resistentes os tratamentos máis modernos, e temos que volver aos tratamentos antigos, que son os que non fallan e son eficaces», asegura o doutor Del Río.

A doenza, provocada por un ácaro, non é grave e non hai motivo para a alarma, explica este dermatólogo, pero convén tela en conta para frear a propagación.